Innovar na aula de linguas
Vivimos posiblemente na era da educación humana co maior grao de diversidade nas aulas. O caudal de estímulos ao que o alumnado está exposto na súa actividade cotiá é máis abundante ca nunca antes. A súa condición de nativos e nativas dixitais conduce a un solapamento acelerado de referentes sociais e culturais que ten consecuencias nos seus mecanismos de percepción e de atención. Dadas estas premisas, probablemente a verdadeira innovación docente -e, á vez, probablemente o maior reto- radique en poñer a metodoloxía ao servizo dos intereses, experiencias e motivacións do alumnado.
A posición activa de cada estudante no seu proceso de aprendizaxe é unha condición que xa moi poucas voces cuestionan. O profesorado non debe deixar de desempeñar unha función de transferencia, pero as funcións comunicativa, empática e de mediación deben adquirir hoxe un rango, como mínimo, equivalente. Actualmente asóciase adoito a innovación docente coa metodoloxías e as novas tecnoloxías, e non tanto coa necesidade de que o profesorado gañe habilidades de xestión das emocións no alumnado.
As características principais dun docente ou dunha docente mediadora terían que ver, en primeiro lugar, co capacidade de establecer metas para o alumnado, estimulando con iso a perserverancia, a autoestima e a metacognición para que poidan aprender a aprender. En segundo lugar, co fomento da aprendizaxe significativa, mediante a cal é posible cultivar a iniciativa, a curiosidade e o pensamento creativo. Na aprendizaxe de linguas, o logro aínda pendente do plurilingüismo pasa por sintonizar os saberes e as destrezas con actitudes abertas á comunicación e ao uso efectivo das linguas, algo que só pode darse de verdade se o alumnado ten a oportunidade de expresar aquilo que lle move, aquilo que lle resulta próximo, aquilo co que pode relacionarse significativamente. Malia existir desde os albores da educación formal, o recurso á literatura e á creatividade pasarían hoxe como formas de innovación docente, sempre e cando se abordasen desde este mesmo enfoque: o do traballo desde os centros de interese do alumnado e o da neutralización das distancias entre literatura e vida.
En terceiro lugar, coa atención ás diferenzas individuais e cos distintos modos de aprendizaxe, tantos como persoas hai na aula. Por último, ten que ver coa transmisión de valores e actitudes positivas, tanto de forma directa como mediante a exemplaridade.
Moitas das resistencias que xorden dentro da propia comunidade docente cando abrolla o termo innovación teñen que ver, ao noso ver, coa falta de ferramentas para responder a estes desafíos múltiples. É preciso que a formación do profesorado destine máis tempo e recursos non soamente a transmitir novas posibilidades metodolóxicas, senón sobre todo a axudarlle ao profesorado a desenvolver solucións flexibles, transversais, cooperativas, capaces de adaptarse ás necesidades educativas e os intereses persoais dun alumnado cada vez máis diverso e cambiante.
Innovar só é posible desde unha docencia flexible, aberta á experimentación, unha docencia que se actualiza porque aceptou que certas ferramentas que hoxe son eficaces ben poden non funcionar mañá. E que niso consiste educar hoxe en día.
Foto: Yan Krukau en pexels.com

Comments
Post a Comment